— Ángeles Vázquez subliña o éxito da primeira convocatoria do programa de actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, financiado con fondos europeos e que se saldou en Galicia con 251 subvencións outorgadas e unha execución de case o 95%
— No caso concreto da cidade da Coruña, as 25 axudas concedidas o ano pasado ascenden a 4,6 M€ e permitirán financiar actuacións sobre un total de 353 vivendas
— Cun importe máximo de 38.750 €, estas subvencións van dirixidas á execución de melloras nas envolventes e á substitución de equipos de calefacción e auga quente
A Xunta de Galicia seguirá apoiando a particulares e comunidades de veciños na execución de obras de rehabilitación para a mellora da eficiencia enerxética no eido residencial. Con este obxectivo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou esta mañá que o vindeiro mes de abril se publicará unha nova convocatoria do programa de axudas para actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, financiado con fondos europeos.
Durante unha visita a un inmoble da Coruña que recibiu da Xunta 423.586,4 euros para acometer a impermeabilización da fachada, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou o “éxito” en Galicia da primeira convocatoria deste programa, que se saldou o ano pasado con 251 subvencións concedidas por un importe total de 21,57 millóns de euros e un grao de execución de case o 95%. Neste sentido, adiantou que, á falta de concretar aínda o orzamento definitivo co que sairá a nova convocatoria, o programa contará, en todo caso, cunha dotación superior á anterior.
Así mesmo, a responsable autonómica salientou o efecto positivo que terán estas axudas no caso concreto da cidade da Coruña, indicando que o número de beneficiarios o ano pasado foi de 25 entre propietarios particulares e comunidades de veciños e cifrou o importe global das axudas concedidas en 4,6 millóns de euros, unha contía que contribuirá a facer máis eficientes 353 vivendas coruñesas.
En canto ao edificio da rúa Enrique Mariñas Romero, trátase dun bloque con 3 portais construído en 1994. Neste sentido e tendo en conta o deterioro derivado do paso do tempo, os traballos subvencionados, que xa están en marcha, consisten no revestimento do illamento térmico exterior e na substitución de parte das carpinterías existentes.
Con esta actuación e grazas ás melloras proxectadas, tal e como explicou a arquitecta responsable do proxecto, reducirase a demanda enerxética de calefacción e refrixeración nun 64,4%, beneficiando a 88 vivendas localizadas no edificio. Isto suporá en total un aforro de emisións de CO2 dun 51% respecto á situación de partida.
Cómpre subliñar que no conxunto da provincia da Coruña o número de beneficiarios da primeira convocatoria do programa de axudas para actuacións de rehabilitación a nivel de edificio ascendeu a 119 e estímase que grazas aos 8,75 millóns de euros concedidos poderase actuar nos vindeiros anos sobre un total de 1000 vivendas coruñesas.
Así mesmo, a conselleira explicou que grazas ás subvencións concedidas en 2022 se poderá intervir sobre máis de 2500 vivendas en toda Galicia co fin de executar diferentes actuacións de rehabilitación que reduzan os seus consumos a través dun aforro enerxético de, como mínimo, o 30%.
O importe máximo destes incentivos pode chegar ata os 38.750 euros por vivenda e entre as principais obras subvencionables destacan as intervencións de mellora nas envolventes —fachadas, cubertas, etc.—, como é o caso do edificio visitado hoxe, e a substitución de equipos de calefacción e auga quente tanto en vivendas unifamiliares como en edificios de uso colectivo.
Tras lembrar que mañá se conmemora o Día mundial da eficiencia enerxética, a conselleira incidiu na grande oportunidade que supoñen os diferentes programas de axudas que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo para impulsar a rehabilitación de edificios e vivendas construídos co fin de mellorar os seus consumos e a demanda de enerxía xa que, por unha banda, contribúen a mellorar o confort e a calidade de vida dos veciños e por outra, inciden na redución das emisións de CO2 no eido residencial.